Exosoma (complexo)

Estrutura de fitas do complexo do exosoma humano. Véxase a lenda máis abaixo.

O complexo do exosoma, complexo PM/Scl ou, simplemente, exosoma, é un complexo proteico que pode degradar diversos tipos de ARN. Os complexos de exosoma poden encontrarse en células eucariotas e de arqueas. Nas bacterias o equivalente é un complexo máis simple chamado degradosoma, que realiza unha función similar.

O núcleo do complexo ten unha estrutura anular formada por seis membros, ao que se unen outras proteínas. Nas células eucariotas aparece tanto no citoplasma coma no núcleo celular, especialmente no nucléolo, aínda que as proteínas que interaccionan co complexo en cada un destes compartimentos son diferentes, coa fin de poder regular a súa actividade de degradación do ARN segundo a diferente natureza dos substratos presentes en cada lugar.

Estes substratos comprenden ARN mensaxeiro, ARN ribosómico e moitas especies de ARN de pequeno tamaño. O exosoma ten unha función exorribonucleolítica, o que significa que degrada o ARN comezando por un dos extremos (o chamado extremo 3') en lugar de escindir o ARN en lugares específicos (como faría unha endonuclease).

Aínda que non existe relación causal entre o complexo e ningunha das enfermidades coñecidas, algunhas das súas proteínas son o antíxeno de autoanticorpos responsables dalgunhas enfermidades autoinmunes (especialmente da síndrome de solapamento PM/Scl) e dalgunhas quimioterapias antimetabolíticas que bloquean a actividade do complexo.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy